18 de xuño de 2025

Admisión ciclos de Formación Profesional Básica Ordinaria curso 2025-2026

OFERTA DE PRAZAS

Oferta ordinaria grao profesional básica por provincia e concello.

Inscricións:

Dende o 16/06/2025 ata o 02/07/2025 até as 13.00h

O alumnado que estea escolarizado en 2º, 3º ou 4º da ESO presentará a solicitude do 23 de xuño ás 9:00 horas ata o 2 de xullo ás 13:00h.

CALENADARIO DE ADMISIÓN

  • 8 de xullo: resolución provisional de solicitudes.
  • Do 8 ao 10 de xullo (até as 13:00h): reclamación contra a resolución provisional de solicitudes.
  • 15 de xullo: resolución definitiva de solicitudes.
  • 15 de xullo: 1ª adxudicación e adxudicación continuada (chamamento).

PRAZO DE MATRÍCULA

  • Matriculación 1ª adxudicación: 15 xullo ás 9:00 ao 31 de xullo ás 13:00h.
  • Matriculación adxudicación continuada (chamamento): 1 setembro ás 9:00 horas ao 26 ás 13:00h.

INFORMACIÓN DO PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN:

A consulta de toda a información do proceso poderá facerse na páxina web www.edu.xunta.gal/fp no centro de orixe ou naquel no que se teña adxudicada a praza. A aplicación Ciclosadmisión permitirá a consulta individualizada de información durante todo o proceso e especialmente durante os períodos correspondentes ás resolucións de solicitudes admitidas e excluídas, e de adxudicación. Para a consulta da situación individual poderase usar o DOI e o código da solicitude, usuario e contrasinal de edu.xunta.gal, chave 365 ou certificado dixital.


LUGARES PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES 

O alumnado procedente de 3º ou de 4º de ESO que desexe solicitar por petición propia, xunto cos seus pais, nais ou persoas titoras, a incorporación a un ciclo formativo de grao básico, deberá facer a solicitude no seu centro de orixe, no prazo de presentación de solicitudes establecido. O centro facilitará a información e a documentación necesaria, e asesorará este alumnado no proceso de realización da solicitude.

O alumnado que non estea escolarizado no sistema educativo e desexe incorporarse a un ciclo formativo de grao básico deberá facer a solicitude no centro no que se oferta o ciclo do seu interese no prazo de presentación de solicitudes establecido. O centro facilitará a información e a documentación necesaria, e asesorará este alumnado no proceso de realización da solicitude. Se a persoa solicitante é menor de idade, a solicitude deberá asinarse polo pai, a nai ou persoas titoras.

O centro educativo completará a carga das solicitudes de admisión a ciclos formativos de grao básico na aplicación e fará entrega do resgardo de solicitude á persoa solicitante. Na aplicación faranse constar catro ciclos de grao básico por orde de preferencia.

Requisitos:

  • Alumnado que estea cursando 2º de ESO que faga 15 ou 16 anos no ano natural de inicio do ciclo formativo de grao básico se, excepcionalmente, é proposto polo centro educativo para a súa incorporación a un ciclo formativo de grao básico.
  • Alumnado que estea cursando 3º ou 4º de ESO que solicite por petición propia, xunto cos seus pais, nais ou persoas titoras, a incorporación a un ciclo formativo de grao básico.
  • Alumnado que repita 1º curso e alumnado que acade promoción ou repita 2º curso dun ciclo formativo de grao básico.
  • Persoas non escolarizadas no sistema educativo que, cumprindo os requisitos legalmente establecidos (non posuír titulación de formación profesional nin outro título que acredite a finalización de estudos secundarios completos e que como máximo faga 20 anos no ano natural de inicio do ciclo formativo), desexa incorporarse a estas ensinanzas.

CONSULTA ATENTAMENTE:

Instrucións xerais proceso admisión FP Básica oferta ordinaria.


PROCEDEMENTO ADXUDICACIÓN DE PRAZAS:

As prazas adxudicaranse conforme os seguintes criterios de prioridade:

  • Alumnado que cursase 2º de ESO.
  • Alumnado que cursase 3º de ESO.
  • Alumnado que cursase 4º de ESO.
  • Alumnado non escolarizado.
Dentro de cada grupo, ordenarase de menor a maior idade.

Páxina web:

www.edu.xunta.gal/fp

Contacto:

Departamento de orientación de calquera centro público de Galicia con oferta de FP.

Servizo de xestión de FP:

tel: 881 997 408 / 881 996 559 

e-correo: admision.ciclos@edu.xunta.gal

Admisión a cursos de especialización de FP, curso 2025/2026

No vindeiro curso 2025-2026 amplíase a oferta de cursos de especialización de formación profesional en Galicia. Só poderán acceder aos cursos de especialización as persoas que cumpran o requisito de estar en posesión dalgunha das titulacións de grao superior, ou de grao medio, de formación profesional recoñecidas para o acceso na normativa que regula cada curso.

Inscricións:

Dende o 16/06/2025 ata o 02/07/2025 até as 13:00h.

Requisitos:

Nota: débense realizar os trámites coa aplicación informática nun ordenador. Non é recomendable empregar un móbil. Os centros con oferta de FP sostida con fondos públicos teñen á disposición do alumando ordenadores, impresoras e asesoramento.

Antes de iniciar o proceso consulta atentamente:

Para poder solicitar un curso de especialización a persoa solicitante terá que estar en posesión da titulación de grao medio ou de grao superior de formación profesional establecida no real decreto (RD) polo que se regula cada curso.

As persoas que non teñan os requisitos de titulación indicados no parágrafo anterior poderán solicitar matrícula en prazas liberadas como se indica no apartado 17 do documento de Instrucións.

Acceso de persoas con titulación estranxeira: Debido ás especiais características destas ensinanzas, para xustificar os requisitos de acceso só será válida a credencial definitiva de homologación.

Calendario de admisión

Período ordinario de admisión:

  • Presentación de solicitudes: 16 de xuño ás 9.00 ao 2 de xullo ás 13:00 horas
  • Resolución provisional de solicitudes: 8 de xullo
  • Reclamación contra a resolución provisional de solicitudes: 8 de xullo ás 9:00 horas ao 10 de xullo ás 13:00 horas
  • Resolución definitiva de solicitudes: 15 de xullo
  • Publicación da adxudicación de prazas: 15 de xullo
  • Matriculación das persoas admitidas: 15 de xullo ás 9:00 horas ao 18 de xullo ás 13:00 horas
  • Adxudicación continuada (chamamento): 22 de xullo ás 9:00 horas ao 26 de setembro ás 13.00 horas

Período de solicitude de matrícula simultánea: 

  • Presentación de solicitudes: 8 de setembro ás 9:00 horas ao 12 de setembro ás 13:00 horas
  • Matriculación: 16 de setembro ás 9:00 horas ao 19 de setembro ás 13:00 horas

* Sempre que existan plazas dispoñibles. 

Deberase cubrir unha única solicitude na que se poderá optar a 4 cursos de especialización como máximo, utilizando o asistente informático que estará dispoñible en www.edu.xunta.gal/fp. A aplicación avisará no caso de que fose necesario achegar documentación, que poderá engadirse en soporte electrónico. Non será necesario presentar o resgardo da solicitude nin a documentación nun centro, agás que a aplicación indique que para ser unha solicitude válida terá que ser entregada, xunto coa documentación necesaria, nun centro educativo con oferta de cursos de especialización sostida co fondos públicos, para ser selada, datada e validada.

Os datos das solicitudes admitidas e excluídas publícanse nas resolución provisional e definitiva de solicitudes, que non son listaxes de prazas adxudicadas. Para a consulta da situación individual pódese usar o DOI e o código da solicitude, usuario e contrasinal de edu.xunta.gal, chave 365 e certificado dixital. 

As prazas adxudicadas publícanse na adxudicación de prazas. As persoas con praza adxudicada poden:

  • Nos cursos de especialización haberá unha única adxudicación de prazas, que terá lugar o día 15 de xullo. As persoas admitidas deberanse matricular ou renunciar no prazo abranguido desde o día 15 ás 9:00 horas ata o día 18 de xullo ás 13:00 horas. De non facelo perderán os dereitos sobre a matrícula das prazas adxudicadas.
  • No caso da oferta de cursos de especialización, non matricularse nin renunciar significará quedar excluído/a do proceso de admisión.
  • No caso de que algunha persoa con praza adxudicada renuncie a ela ou non se matricule e nese curso de especialización haxa listaxe de espera, o centro procederá a chamar as persoas que se atopen na listaxe de espera polo proceso de adxudicación continuada.

PARTICIPACIÓN NOUTROS PROCESOS DE ADMISIÓN DE FP:

As persoas que participen no procedemento de admisión e matrícula para os cursos de especialización tamén poderán realizar a solicitude de admisión a ciclos formativos e a FP dual intensiva e a Formación Acelerada.

Serán excluídas dos procesos de admisión a cursos de especialización as solicitudes das persoas matriculadas en ESO, bacharelato ou FP (incluída a FCT), agás o establecido para as solicitudes de matrícula simultánea.

Tamén serán excluídas dos procesos de admisión a outras ofertas de formación profesional as solicitudes das persoas nalgunha das seguintes circunstancias:

- Admitidas (seleccionadas) nun proxecto de FP dual intensiva ou Formación Acelerada.

- Admitidas en cursos de especialización de formación profesional.

As persoas non admitidas en ningún proxecto de FP dual intensiva, Formación Acelerada ou en ningún curso de especialización continuarán no proceso de admisión a ciclos formativos.

Páxina web:

www.edu.xunta.gal/fp

Contacto:

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Tel. admisión ciclos FP: 881 997 408

e-correo:  admision.ciclos@edu.xunta.gal

Máis información:

Nos centros sostidos con fondos públicos que impartan ciclos de FP

Departamento Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades de Formación Profesional | R/ Vicente Ferrer, 2, 7º andar. 15008- A Coruña

Oferta de cursos de especialización, curso 2025-2026: https://www.edu.xunta.gal/fp/oferta-fp

Admisión a Formación Profesional Dual intensiva, curso 2025/2026

Dual Intensiva: estes proxectos combinan os procesos de ensino e aprendizaxe na empresa e no centro de formación.


Requisitos:

No seguinte documento: Instrucións xerais do proceso de admisión para FP dual intensiva

REQUISITOS DE ACCESO:

  • Ter 18 anos ou facelos no ano natural en que comece o ciclo formativo. Nota: Nos ciclos con prazas dispoñibles poderase matricular alumnado maior de dezaseis años, sempre que a empresa que participa na súa selección asine un documento no que manifeste que é coñecedora da idade do alumno ou da alumna.
  • Cumprir os requisitos de acceso aos ciclos formativos. Non ter realizado con anterioridade un contrato de formación e aprendizaxe (actualmente contrato de formación en alternancia establecido no Real decreto lei 32/2021), e cumprir os requisitos na normativa laboral vixente para poder formalizalo.
  • Non ter superado ningún módulo profesional do ciclo formativo do proxecto solicitado, agás que fose cursando outro ciclo formativo.
  • O alumnado que teña dezaseis anos no momento de incorporación á empresa e que cumpra os requisitos de acceso, poderase matricular nos proxectos de formación profesional dual intensiva nos que, logo de rematado o período ordinario de matriculación no proceso de admisión a estas ensinanzas, queden prazas vacantes e, por tanto, non exista listaxe de espera.

OFERTA DE PRAZAS:

Oferta de prazas en ciclos formativos na formación profesional dual intensiva para o curso 2025-2026: 

Clasificada por provincia e concello

Clasificada por familia profesional e ciclo formativo

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: 

Deberase cubrir unha solicitude para un único proxecto de FP dual intensiva, utilizando o asistente informático que estará dispoñible en www.edu.xunta.gal/fp. A aplicación avisará no caso de que sexa necesario achegar documentación, que poderá engadirse en soporte electrónico. Non será necesario presentar o resgardo da solicitude nin a documentación nun centro, agás que a aplicación indique que para ser unha solicitude válida terá que ser entregada, xunto coa documentación necesaria, nun centro educativo con oferta de FP dual intensiva sostida con fondos públicos, para ser selada, datada e validada. Se a persoa solicitante presenta máis dunha solicitude ou solicita máis dun proxecto, non se terá en conta ningunha petición.

Os datos das solicitudes admitidas e excluídas publícanse nas listaxes de solicitudes provisionais e definitivas, que non son listaxes de prazas adxudicadas. Os datos de identificación serán substituídos por un código persoal de consulta (CPC) nas listaxes.

DOCUMENTACIÓN

A solicitude de admisión deberá ir acompañada da seguinte documentación:

  • DNI ou NIE. Cando non se dispoña del, copia do pasaporte ou do documento de identificación da Unión Europea.
  • No caso de non ter realizados os estudos na Galicia, certificación académica dos requisitos de acceso.
  • Currículo co formato Europass, que se poderá elaborar no enderezo: https://europa.eu/europass/es/create-europass-cv 

SELECCIÓN DO ALUMNADO:

Tendo en conta a listaxe definitiva de solicitudes, o centro e a entidade colaboradora seleccionarán o alumnado.

Rematado o período de selección publicarase a listaxe de persoas admitidas e en espera.

As persoas admitidas (seleccionadas) nun proxecto de FP dual intensiva deberán matricularse durante o período establecido no centro educativo no que teñan a praza adxudicada.​

​​PARTICIPACIÓN NOUTROS PROCESOS DE ADMISIÓN DE FP:

As persoas que participen no procedemento de admisión e matrícula para os proxectos de formación profesional dual intensiva tamén poderán realizar a solicitude de admisión a ciclos formativos e nos cursos de especialización de FP.

As persoas admitidas (seleccionadas) para un proxecto de FP dual intensiva quedarán excluídas do proceso de admisión a ciclos formativos no réxime ordinario e no réxime para as persoas adultas e nos cursos de especialización de FP.

No caso de non seren admitidas (seleccionadas) en ningún proxecto de FP dual intensiva poderán continuar no proceso de admisión a ciclos formativos e a cursos de especialización.

Calendario de admisión:

  • Prazo de presentación de solicitudes: do 16 de xuño ao 2 de xullo ás 13.00 h.
  • Publicación da relación provisional de persoas solicitantes: 4 de xullo.
  • Reclamación contra a relación provisional de persoas solicitantes: do 4 ao 8 de xullo ás 13.00h.
  • Publicación da relación definitiva de persoas solicitantes: 10 de xullo.
  • Período de selección polo centro educativo e a entidade colaboradora: do 4 ao 11 de xullo ás 12:00h.
  • Publicación da relación de persoas admitidas e en espera: 15 de xullo.
  • Período de matrícula para persoas admitidas: do 15 ao 18 de xullo ás 13.00h.
  • Adxudicación continuada: 22 de xullo ao 31 de xullo ás 13.00 h / Do 1 ao 26 de setembro ás 13.00h.


Páxina web:

www.edu.xunta.gal/fp

Contacto:

Nos centros que teñan aprobados proxectos de formación profesional dual.

13 de xuño de 2025

Premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico (proba PEB e subvención)

A finalidade dos premios é recoñecer e valorar os méritos baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a etapa de educación secundaria obrigatoria en Galicia. Para tal fin, créase a proba dos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico (proba PEE).

Inscricións:
Dende o 12/06/2025 ata o 18/06/2025 



Requisitos:

Poderá presentarse á proba PEE o alumnado que cumpra o seguinte requisito: Estar cursando ou ter cursado durante o ano académico 2024/25 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, seguindo o currículo oficial vixente nela.

As persoas solicitantes do Premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico deberán cumprir ademais:

  1. Ter rematado e superado os estudos de educación secundaria obrigatoria no curso 2024/25 nun centro docente de Galicia, seguindo o currículo oficial vixente nela, e ser proposto para o título na convocatoria ordinaria do dito curso.
  2. Ter acadado nas cualificacións do conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9.
  3. Terse presentado á proba PEE na convocatoria de 2025 e ter acadada unha cualificación total mínima de 30 puntos.
  4. Ter acadada, como mínimo, unha cualificación de 5 puntos en cada un dos exercicios da proba PEE.

SOLICITUDE

O procedemento de solicitude para optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico terá dúas fases diferenciadas, con solicitudes diferentes para cada unha delas:

1. Na primeira fase, o alumnado que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria e que desexe optar aos premios deberá solicitar no seu centro educativo a matrícula na proba PEE.
2. Na segunda fase, unha vez publicadas as cualificacións definitivas na proba PEE, o alumnado que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria deberá formalizar unha solicitude para optar á subvención do Premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte da publicación das listaxes de cualificacións definitivas.

DESENVOLVEMENTO DA PROBA

A proba PEE terá lugar o 26 de xuño de 2025. Os lugares de realización da proba publicaranse no Portal Educativo e na portada de PremiosEdu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/).

ESTRUTURA

Estrutura da proba PEE: a proba estruturarase en dúas partes:

  1. Primeira parte: constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso: lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura, e lingua estranxeira cursada como primeira lingua, agás no caso de alumnado con exención en lingua galega e literatura, que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.
  2. Segunda parte: o alumnado dará resposta a diversas cuestións teóricas e/ou prácticas, de dúas materias do currículo de cuarto curso: - Matemáticas A ou matemáticas B, segundo o cursado polo/a alumno/a. - Xeografía e historia.
Realización da proba PEE: terá lugar o día 26 de xuño de 2025. A proba PEE realizarase nos lugares e no horario que se darán a coñecer mediante resolución publicada no portal educativo.

Remuneración / Dotación:
Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios extraordinarios. A dotación será de 1.000 € por premio. O alumnado que obteña o premio extraordinario percibirá ademais un diploma acreditativo e a distinción farase constar nas certificacións académicas que se emitan.

Páxina web:
www.edu.xunta.gal/premiosedu/

Contacto:
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Edificio Administrativo San Caetano, s/n. 15781 Santiago de Compostela 

Teléfono: 981 546 527 / 881 996 509 / 881 997 383

Enderezo electrónico premios@edu.xunta.gal

Publicación: DOG 11/06/2025

Sede electrónica (sede.xunta.gal): procedemento ED311D


ADMISIÓN A CICLOS FORMATIVOS DA OFERTA ORDINARIA A PARTIR DO 23 DE XUÑO ATA O 02 DE XULLO

Admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan ciclos formativos de formación profesional de grao medio e de grao superior en réxime ordinario.

Pasos a seguir para participar no proceso de admisión a ciclos:

INSCRICIÓNS:

Dende o 16/06/2025 (o 23 o alumnado que cumpre requisitos de acceso no 2025) ata o 02/07/2025 até as 13.00h.

Durante os períodos de solicitude establecidos (cumprindo os requisitos de acceso), utilizar o asistente informático para xerar unha solicitude web. 

Deberase cubrir unha única solicitude para cada grao (unha para CM e outra para CS).

En cada solicitude poderá optarse a 4 opcións de centro e ciclo. Podedes consultar a oferta AQUÏ

A  aplicación avisará no caso de que fose necesario achegar documentación, que poderá engadirse en soporte electrónico. Non será necesario presentar o resgardo da solicitude nin a documentación nun centro, agás que a aplicación indique que para ser unha solicitude válida terá que ser entregada, xunto coa documentación necesaria, nun centro educativo con oferta de FP sostida con fondos públicos, para ser selada, datada e validada. 

CONSULTA DE SOLICIUDE E DE ADXUDICACIÓN

Consultar as Resolucións de solicitudes (provisional e definitiva) e as de adxudicación nas datas sinaladas no calendario de admisión.

MATRÍCULA

No caso de ter adxudicación, durante o periodo establecido matricularse ou renunciar (a renuncia so é necesaria no caso do réxime ordinario).

Adxudicación de praza: As prazas adxudicadas publícanse nas listaxes de adxudicación. As persoas con praza adxudicada poden:

  • Matricularse: deberase facer no centro adxudicado e nos prazos establecidos. Para efectuar esta matrícula, deberán obter o modelo de impreso de solicitude de matrícula que estará dispoñible en http://www.edu.xunta.gal/fp. Este documento, cuberto coa matrícula e asinado, deberase entregar persoalmente ou por persoa autorizada no prazo de matrícula establecido para a correspondente adxudicación no centro en que lle fose adxudicada a praza en que se vaia matricular. Así mesmo, está dispoñible o servizo de reserva/matrícula de praza a través da aplicación informática; esta é unha opción máis recomendable que a de efectuala de xeito presencial. O centro, durante a primeira semana de clase, solicitaralle ao alumnado matriculado por este procedemento a xustificación do pagamento do seguro escolar e poderá solicitar a documentación relativa ao requisito de acceso. Estar matriculada en ESO, bacharelato ou FP (incluída a FCT) ou ter unha praza adxudicada  na FP Dual Intensiva ou dun Curso de Especialización de FP implica a exclusión dos procesos de admisión a ciclos formativos.
  • Renunciar á praza: deberase facer, nos prazos establecidos, en calquera centro público de Galicia con oferta de FP a través do asistente web. A renuncia afectará á praza que lle foi adxudicada e a todos os ciclos sinalados en lugares posteriores na solicitude. Seguirase no proceso de adxudicación para os ciclos anteriores á praza á que se renuncia. Renunciar á adxudicación dunha praza da oferta ordinaria é condición indispensable para permanecer na listaxe de espera dos ciclos de maior preferencia que a praza adxudicada. 
  • Non matricularse nin renunciar: as persoas con praza adxudicada que non se matriculen e non presenten renuncia no prazo indicado perderán o dereito á praza e só poderán matricularse no caso de existir prazas vacantes ou liberadas.

 

DATAS DE MÁIS RELEVANCIA 

  1. Presentación de solicitudes do 16 de xuño ate o 2 de xullo ás 13 h. Quen obteña o requisito de acceso por obter un título de FP ou a ESO no curso 24/25 presentará a solicitude a partir do 23 de xuño.
  2. Resolución provisional de solicitudes 8 de xullo. 
  3. Reclamación á listaxe provisional do 8 ao 10 de xullo ás 13:00h.
  4. Resolución definitiva de solicitudes 15 de xullo.
  5. 1ª adxudicación 15 de xullo.
  6. Matrícula ou renuncia do 15 ao 18 de xullo ás 13:00h.
  7. 2ª adxudicación 22 de xullo .
  8. Matrícula ou renuncia  do 22 ao 24 de xullo ás 13:00h.
  9. 3ª adxudicación 29 de xullo.
  10. Matrícula ou renuncia do 29 ao 31 de xullo ás 13 h.
  11. Adxudicación continuada (chamamento): do 1 ao 26 de setembro ás 13 h.
  12. Período de solicitude de matrícula simultánea: presentación de solicitudes (sempre que existan prazas disipoñibles) do 8 ao 12 de setembro ás 13:00h.
  13. Matriculación (sempre que existan prazas dispoñibles e con resolución positiva do servizo de inspección educativa: do 16 ao 19 setembro ás 13:00h.
Máis información:
www.edu.xunta.gal/fp

Contacto:
Departamento de orientación de calquera centro público de Galicia con oferta de FP.

Servizo de xestión de FP:

tel: 881 997 408 / 881 996 559 

e-correo: admision.ciclos@edu.xunta.gal


Admisión ciclos de Formación Profesional Básica Ordinaria curso 2025-2026

OFERTA DE PRAZAS Oferta ordinaria grao profesional básica por provincia e concello. Inscricións : Dende o 16/06/2025 ata o 02/07/2025 até as...