18 de xuño de 2023

PROCEDEMENTO DE SOLICITUDE DE REVISIÓN DAS CUALIFICACIÓNS DA ABAU

O proceso de solicitude de revisión das cualificacións da ABAU faise a través do NERTA, de xeito telemático.
O alumnado e, se é o caso, as nais, os pais, ou as persoas titoras legais poderán solicitar ante a presidencia do tribunal cualificador a revisión da cualificación obtida nunha ou varias das probas que compoñen a avaliación. 
O prazo de presentación destas solicitudes será de tres días hábiles, contados a partir da data de publicación das cualificacións. 
  • As probas sobre as cales se presentase solicitude de revisión serán analizadas, en primeiro lugar, co obxecto de verificar que todas as cuestións foron avaliadas e que non existen erros no proceso de cálculo da cualificación final. No caso de existir algún erro, modificarase a cualificación, tanto á alza como á baixa. A cualificación provisoria obtida pasará a ser a nova cualificación. 
  • A seguir, será realizada unha segunda corrección por un novo profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección. No suposto de que a diferenza entre as dúas cualificacións sexa menor de dous puntos, a cualificación definitiva será a media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións. 
  • No suposto de que exista unha diferenza de dous ou máis puntos entre as dúas cualificacións, será efectuada unha terceira corrección por unha profesora ou un profesor especialista distinto aos anteriores. A cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións. 
Este procedemento deberá efectuarse no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir da data de finalización do prazo de tres días establecido no número 1 desta instrución. 

O alumnado e, se é o caso, as nais, os pais, ou as persoas titoras legais terán dereito a ver as probas revisadas unha vez finalizado o proceso de revisión, no prazo de dez días desde a notificación da resolución de revisión.

Contra a resolución adoptada pola CiUG, que porá fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación ante a propia CiUG. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa do recurso potestativo de reposición ou se produza o acto presunto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

Probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2024-2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca as probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso...