A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca axudas económicas para o alumnado que realiza formación en empresa establecida para as ensinanzas incluídas no sistema educativo de formación profesional.
Establécense as seguintes modalidades de axudas:
- Modalidade A: alumnado que realice a formación en empresa dentro do territorio español.
- Modalidade B: alumnado que realice a formación en empresa fóra do territorio español.
- Modalidade A: cando o alumnado realice a formación en empresa dentro do territorio español, as contías calcularanse do seguinte xeito:
Dentro da Comunidade Autónoma: 12,50 euros por semana ata un máximo de 375 euros.
Fóra da Comunidade Autónoma: 20,00 euros por semana ata un máximo de 375 euros.
- Modalidade B: cando o alumnado realice a formación en empresa fóra do territorio español, o cálculo de asignación da axuda realizarase consonte os seguintes baremos, establecidos principalmente en función do custo de vida do país de destino:
Grupo 1: 175,00 euros
Grupo 2: 140,00 euros
Grupo 3: 100,00 euros
Requisitos:
- Estar matriculado ou ter estado matriculado nun centro público de Galicia ou, no caso dos centros privados, nun ensino concertado coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, durante o ano 2026.
- Realizar prácticas en empresas ou entidades colaboradoras, entre setembro de 2025 e decembro de 2026, no marco dun ciclo formativo de grao básico, grao medio ou grao superior de formación profesional, cursos de especialización de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas de réxime especial e programas formativos.
- Finalizar completamente o período de formación práctica en centros de traballo ou finalizar completamente o período de formación en empresas establecido para un curso académico en ensinos de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, antes do 31 de decembro de 2026.
- Realizar como mínimo o 80 % das xornadas en empresa establecidas en cada ensino segundo o establecido no currículo ou no proxecto de FP dual intensiva para o curso académico correspondente.
- No caso do alumnado de ensinos de FP dual en réxime intensivo, que o proxecto non inclúa axudas para desprazamento ou aloxamento.
- No caso da modalidade A, que o concello do centro de traballo sexa distinto do concello do centro educativo e distinto do concello de residencia do/da alumno/a durante o período de realización da formación en empresa.
- No caso da modalidade B, que o/a alumno/a non gozase dunha axuda Erasmus+ KA121, KA122 ou calquera outra axuda que financie totalmente o período de realización da formación en empresa.
As solicitudes, xunto co resto dos anexos requiridos, serán facilitados ao alumnado polo centro educativo en que estea matriculado no momento de realizar a formación en empresa e presentaranse no centro educativo.
Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
- Primeiro prazo, desde o 30 de xaneiro ata o 30 de xuño de 2026, para o alumnado matriculado en ensinanzas de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, que realice o seu período formativo na empresa ata o 31 de agosto de 2026. Acollerase a este primeiro prazo o alumnado que realice a FCT nos períodos outubro 2025-marzo 2026 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2026. O alumnado a que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2026 e que anticipe a súa realización non se acollerá a este primeiro prazo.
- Segundo prazo, entre o 13 de outubro e o 13 de novembro de 2026, para o alumnado matriculado en ensinanzas de FP dual, en réxime xeral ou intensivo, que realice o seu período formativo na empresa no período setembro-decembro de 2026. Acollerase a este segundo prazo o alumnado que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2026. Este alumnado deberá finalizar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2026.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.