21 de abr. de 2022

Instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2022/23

Xúntase a Resolución do 7 de abril de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais para o curso 2022/23.

Para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato, ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica de acceso.

Poderá acceder ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais, sen necesidade de realizar a proba específica de acceso, quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

As persoas aspirantes que opten polo acceso directo deberán formalizar igualmente a súa inscrición no proceso de acceso e admisión segundo o procedemento e o calendario establecido na resolución para as persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato.

O prazo de presentación de solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 23 de maio. As persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato poderán presentar solicitude ata o 23 de xuño.


Proba que substitúe o requisito de titulación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores

Á proba que substitúe o requisito de titulación poderanse presentar as persoas aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou non superasen a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e acrediten unha idade igual ou superior aos 18 anos ou que os fagan no ano 2022. 

As persoas aspirantes deberán ter feito constar o seu desexo de realizar esta proba na inscrición, e para a súa realización deberán presentar, o día da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición. 

As persoas aspirantes deberán realizar un total de cinco exames no IES San Clemente, na rúa de San Clemente, s/n, Santiago de Compostela, o día 31 de maio de 2022, de acordo co seguinte horario: 11.30 horas: presentación. Das 12.00 ás 13.00 horas: Filosofía. Das 13.00 ás 14.00 horas: Historia de España. Das 16.00 ás 17.00 horas: Lingua Galega e Literatura. Das 17.00 ás 18.00 horas: Lingua Castelá e Literatura. Das 18.30 ás 19.30 horas: Lingua Estranxeira (inglés ou francés)

Probas específicas de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais 

Realizaranse na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, na rúa do Xeneral Martitegui, s/n, Pontevedra, o día 5 de xullo, de acordo co calendario e co horario que estableza o tribunal encargado da súa realización e cualificación. 

A proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais constará de dous exercicios: un análise dun texto relacionado cos bens culturais, nun tempo máximo de noventa minutos, e terá como obxecto apreciar a madureza e formación xeral do alumnado, especialmente no referente á compresión de conceptos, utilización da linguaxe e capacidade de síntese e relación, e unha proba de aptitude plástica.


Máis información clicando na imaxe:



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

Probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2024-2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca as probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso...